A moción é nosa

A moción é nosa

A moción é nosa

A moción de censura xa gañou. Demostrástelo onte en Sol os milleiros de inscritos e inscritas, amigos e amigas, simpatizantes e incluso todos e todas os que, en principio, non queredes ben a Podemos, pero que compartides un sentimento común: Non aceptades corruptos manexando, na peor acepción do termo, as institucións.

Posicionarse é doado, non se está ante un problema ambigüo, con matices, nin políticos nin territoriais. Estase ante unha cuestión de Estado, ante un delicto, o primeiro goberno imputado da historia da democracia, así que: Corrupción si ou Corrupción non. E vós, a xente, onte deixastes abrumadoramente claro que Non. Xa o fixerades na consulta telemática de Podemos; tamén o fixestes saber a través das redes, aqueles que non vos puidestes desprazar a Sol e, malia que aínda non coñecemos os datos da consulta impulsada polos socios de En Marea, todo fai pensar igualmente nun si; non en van o seu líder, Luis Villares, quixo participar activamente en Madrid no acto en apoio á moción xunto a Pablo Iglesias e xunto aos seus compeñeiros e compañeiras no Congreso, do grupo confederal Unidos Podemos-En comú Podem-En Marea.

Sol volveu ser epicentro da axenda unha vez máis, como lembrou no seu discurso Antón Gómez Reino, o referente galego do grupo confederal na moción. Unha axenda que molestou o 15 M, como tamén recordou o deputado, “miraban para nós sen entender nada”, e como molestou onte, cunha resposta máis virulenta que a de hai uns anos, porque agora estades organizados, porque agora os corruptos están asediados e aínda que a aritmética lles permita seguir na poltrona, aínda que teñan a lexitimidade das urnas, non contan xa co amparo e a credibilidade do pobo e, está por ver, o que dictaminan os tribunais, se se lles deixa exercer, claro.

Invisibilizados

Hai que botalos, sobran os motivos, e por iso Podemos deu o paso de destapar e visibilizar, primeiro, a trama corrupta, a través do Tramabús, entre outras ferramentas; para logo recorrer á lexítima iniciativa parlamentar da Moción de Censura, rexistrada este venres a través do grupo confederal.

Os medios fixeron o posible e o imposible por invisibilizar este movimento que ía medrando día a día e que xa non tiña a ver nin con Podemos nin con ningún grupo político, era o movimento da xente, era a súa enchenta de mafia e saqueo, que ten que rachar por algún lado.

Feijóo e Rajoy

Galicia tiña que ter un especial protagonismo nesta campaña porque como xa levamos dito en moitas ocasións a corrupción ten Denominación de Orixe Galega. A corrupción nin son casos illados, nin se circunscribe a Madrid nin comeza e remata no caso Bárcenas ou Leza. A corrupción é sistémica e os seus tentáculos chegan ás entrañas mesmas do PP galego, das épocas nas que Feijóo era tan só un delfín, dos birretes, e quen mandaba eran as baronías, as boinas, de Manual Fraga.

O xeito de facer daqueles tempos non mudou cos supostos aires renovados do sucesor universitario e, mal que lle pese, ou por moito que evite as súas siglas nas campañas, representa o mesmo Partido Popular que o de Rajoy; é membro, de feito, da executiva do “partido imputado” e baixo a súa responsabilidade saltaron casos como o de Baltar, a Pokemon, Ence, Reganosa, ou a venda de Ferroatlántica a Villar Mir, recientemente imputado pola suposta financiación ilegal dos populares, que está a pór nun brete ao presidente galego, que tenta derivar a responsabilidades da decisión da venda, un novo pelotazo do marqués, aos funcionarios da Xunta.

Voces galegas en Sol

Porque a trama chega a Galicia, porque Galicia é nación e porque os galegos e galegas temos quen nos represente, tanto en Podemos, a través da súa secretaria xeral, Carmen Santos; como no Congreso, a través do grupo confederal; como na Cámara galega, a través do GP En marea, a nosa voz tomou a palabra no acto de onte en Sol e fíxoo tanto do ponto de vista institucional, grazas ao papel que está a xogar Gómez Reino na moción, como a través do ponto de vista da xente do común, dos colectivos máis afectados polo degoberno dos corruptos, grazas a Rogelio Santos, mariñeiro que, malia ser membro tamén da Executiva de PG, onte subiu ao escenario como sube cada día á súa pequena embarcación, el e tantos que coma el viven do mar e padecen o desleixo das políticas de Feijóo sobre o sector.

Rogelio dixo que o desprezo e a persecución que padece a xente coma el responde a que o “peixe non entra nos sobres”, en clara alusión aos famosos sobres de Bárcenas, e lembrou que cada vez que un goberno do PP impide a un mariñeiro ter cota para pescar ou reducirlla, está a roubarlles cartos non peixes, porque o seu oficio e os seus ingresos dependen desas capturas.

Como voz do común foi quen máis insistiu en que cómpre a unidade e quen reivindicou a moción de censura como un logro popular, como unha iniciativa “nosa”, da xente, de todos e todas os que se sinten agredidos polo roubo e a fraude dos populares.

A Rogelio pasoulle a palabra un Antón Gómez Reino, voceiro de En Marea no Congreso, contundente: “rematou a fase de resistencia, estamos na fase da vitoria”.

Aí vén o Maio…

O deputado explicou que esa vitoria era posible  grazas á “dignidade, á vosa dignidade e á dos nosos pobos irmáns, que están comezando a pór nervosos ao Partido Popular”.

Moito antes de que Sol fora ese referente do 15 M, os galegos e galegas tomaran Madrid hai anos casualmente contra os mesmos, contra o “señor dos hilillos”, contra unha xestión nefasta que puxo en risco as costas do País. Gómez Reino lembrou aquel berro que se fixo universal: Nunca Máis e que, cada vez que se pronuncia, volve a ser coreado con ímpetu, coma onte.

Logo dese Nunca Máis veu o Hai que botalos contra Fraga, que foi posible; por iso confiemos nos versos de Curros Enríquez, no Aí vén o Maio co que Tone pechou a súa intervención

“Cando eu me topare de donos liberto i o pan non me quiten trabucos e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado habrá estonces o maio que eu quero …”

Contra a corrupción “normalizada”

A delegación galega fíxose presente de moitos xeitos, pero no acto, obviamente, non podían falar todxs. A secretaria xeral de Podemos Galicia e vicevoceira 2ª do GP En Marea, Carmen Santos, como acudiu na súa dobre condición de secretaria xeral e de membro do CCE, aproveitou a reunión previa á concentración para facer un último chamamento á participación e agoirar un grande éxito, que os feitos confirmaron.

“Non podía ser doutro xeito –dixo- porque non podemos asumir o discurso da normalidade nin o nivel de corrupción que estamos a sofrer por culpa do Partido Popular, que nos ten totalmente avergoñadas”.

“Non podemos entrar nin xustificar o discurso da normalización da corrupción dun partido que está podre nas súas entrañas e está destrozando o noso sistema democrático e produtivo co seu roubo do publico”, engadiu.

Carmen Santos foi tamén a que chamou a atención sobre a lexitimidade tanto da concentración en Sol como da moción en si, “como un exercicio de responsabilidade da oposición” ou de parte dela, porque as súas palabras ían dirixidas, obviamente, aos candidatos a presidir o PSOE, que non se poñen dacordo en nada salvo en despreciar a moción, cualificándoa despectivamente de “escrache” ou de “numerito”, cando tanto manifestarse como este tipo de iniciativas son dereitos constitucionais e parlamentares.

Grazas

Santos encabezou a delegación galega, pero esta non tería sido posible sen os milleiros de persoas que de xeito particular ou a través dos buses que facilitou Podemos se desprazaron a Madrid a arroupar aos compañeiros e compañeiras que están a dar a cara publicamente pola moción de censura.

“Todos e todas contamos, pero eu –e desculpade que me cite primeiro- Tone, Luís Villares, voceiro do GP En Marea ao que agradecemos que nos quixera acompañar para explicitar o apoio sen fisuras a esta iniciativa, ou os e as que vistes nas fotos non somos os verdadeiramente importantes, nin siquera Pablo Iglesias o é, os importantes sodes vós e por iso, novamente, Gracias. A moción é nosa, é dicir, é vosa”.

Diario.es

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

El Correo Gallego

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies