Carta aberta da nosa compañeira Conselleira Cidadá Paula Quinteiro ás inscritas e inscritos

Carta aberta da nosa compañeira Conselleira Cidadá Paula Quinteiro ás inscritas e inscritos

Carta aberta da nosa compañeira Conselleira Cidadá Paula Quinteiro ás inscritas e inscritos

 

Bo día compañeiras e compañeiros.

O primeiro que quero é agradecervos enormemente todos os apoios recibidos, que me están a dar forza nestas semanas moi difíciles, nas que estou sufrindo acusacións moi graves, e que son totalmente falsas.

Quero transmitirvos que é absolutamente falso que participase nun acto vandálico, danase algún vehículo e toda a sarta de barbaridades e mentiras das que se me veñen acusando.

Por iso, non incumprín en ningún momento o Código Ético de Podemos ou En Marea. Nin sequera existíu denuncia algunha contra min, porque non incurrín en ningún delito e non fixen uso indebido da miña condición de deputada. Non teño ningunha vinculación con actos vandálicos e condénoos totalmente.

A miña actuación de mediación ante unha situación de tensión, manipulouse dende o principio, mentíndose sen pudor acerca do que todas as presentes consideramos como un incidente menor, e a propia policía municipal calificou públicamente como un incidente menor.

En ningún momento pretendín conseguir ningún beneficio para min nin para ningunha outra persoa, e esta conclusión só foi exposta por quen pretendeu construír e aproveitar unha versión interesada dos feitos.

Estou sendo vítima dunha campaña de infamias e calumnias, con todo o que iso supón, especialmente pola situación de indefensión na que me atopo, e baixo a que en ningún momento se respectou a miña presunción de inocencia.

Aguantei grazas ao apoio da maioria do grupo parlamentario. Por responsabilidade non falei máis nos medios, porque o único que resulta favorecido de todo iso é o PP, con unha das súas habituais cortinas de fume.

Ó longo deste proceso tortuoso, marcado por un evidente paternalismo, tiven que aturar calumnias sen fundamento, xuízos paralelos e, pese a iso, decidín non falar nos medios. Mais esta decisión se fixo insostible cando o propio Mariano Rajoy aproveitou o relato falsamente construído para calumniarme, con total impunidade, no Congreso dos Deputados, así como calumniou a outras compañeiras e compañeiros de Podemos para facer o que mellor sabe: mentir coa fin de ocultar a súa corrupción e o desastre das súas políticas neoliberais. Sabemos ben por experiencia de que pasta están feitos.

En definitiva, penso que non teño ningún motivo para dimitir e que, máis alá do alivio persoal que podería supoñer, significaría unha derrota colectiva difícil de superar. O PP tería carta branca para liquidar adversarios políticos, mentirían con aínda máis impunidade e, finalmente, eu acabaría sendo a primeira dunha lista cada vez máis longa. Penso que non lles podemos deixar que gañen. A peor derrota sería dar crédito ao seu relato.

Ademáis, somos moitas as que consideramos que esta consulta, tal e como está convocada, non ofrece garantías. O censo que está convocado á consulta non é o mesmo que participou nas primarias polas que saín elexida, é moito máis minoritario.

Moitas grazas pola vosa atención e, unha vez máis, por todas as mostras de apoio recibidas. Unha forte aperta!

 

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies