Declaración de Podemos Galicia ante o 8M

Declaración de Podemos Galicia ante o 8M

Declaración de Podemos Galicia ante o 8M

Un 8 de marzo máis, as convocatorias impulsadas polo movemento feminista servirán como espazo de encontro de centos de milleiros de mulleres que reivindicaremos os nosos dereitos e celebraremos os avances acadados por outras que loitaron antes que nós. É inevitable volver a vista ao 8 de marzo de 2018, que supuxo un fito sen precedentes en canto a organización e mobilización por parte dos colectivos feministas. Se algo amosaron as multitudinarias convocatorias e o seguimento da folga feminista, é que o novo modelo de sociedade que representa o feminismo interpela a unha parte cada vez maior da poboación. A proposta feminista, poñer as vidas no centro, é hoxe o eixo para acadar un futuro de igualdade e dignidade para todas as persoas.
             
Precisamente, esa capacidade do feminismo de superar o seu propio marco de movemento de emancipación das mulleres para converterse en alternativa ao actual modelo de desigualdade e precariedade, é o que o pon no foco do discurso reaccionario dun sector da sociedade que pugna por preservar ese sistema de privilexios. Que de repente se cuestionen dereitos que responden a unha cuestión elemental de xustiza social, tanto das mulleres como do colectivo LGTBIQ, é unha evidencia de como o movemento feminista foi quen de marcar a axenda política e mediática destes últimos anos, adquirindo así unha entidade política propia.
             
É aquí onde os partidos políticos que nos sentimos interpelados pola proposta que representa o concepto de sociedade feminista, debemos estar á altura, a disposición e á escoita do movemento feminista. É preciso que impulsemos políticas que favorezan que as institucións acompañen ao movemento feminista nos seus avances. No actual contexto político, debemos ser conscientes da necesidade de establecer alianzas, e de que estas alianzas teñen que ser feministas.
             
Tratándose dunha convocatoria do movemento feminista, co fin de incluír as distintas realidades e opresións que sufrimos as mulleres, a folga convócase en catro vertentes: laboral, de coidados, estudantil e de consumo. Deste modo, visibilizarase que as desigualdades e violencias aféctannos a todas en todos os espazos da nosa vida.
             
Cada ano por estas datas, diversos estudos e publicacións amósannos que a igualdade real está aínda lonxe de acadarse. Que a precariedade ten rostro de muller é algo que constatan as cifras, comezando polas dese salario medio un 23% inferior ao dos homes, o que supón o incremento da fenda salarial e que redunda directamente nas prestacións por desemprego e por xubilación. Os coidados son un sostén fundamental da nosa sociedade que carecen de recoñecemento como tal, malia supoñer case un 53% do PIB do estado español. É ademais un tipo de traballo desenvolvido maioritariamente por mulleres, o que provoca que encabecemos os índices de temporalidade e traballo parcial. E a consecuencia deses empregos máis precarios, as pensións percibidas son tamén máis baixas. É prioritario reivindicar o valor dos coidados e recoñecelos como alternativa de vida e dignidade.
             
Cando abordamos a tarefa de despatriarcalizar a sociedade, faise necesario redundar en medidas estruturais. A folga estudantil supón a reivindicación dunha educación responsable, igualitaria e con perspectiva feminista, que inclúa a educación afectivo-sexual para favorecer o desenvolvemento en liberdade das persoas.
             
O do consumo é outro eido onde a desigualdade é evidente, a través da imposición de modelos estéticos opresores, ou do encarecemento dos produtos para mulleres que supón a chamada “taxa rosa”. Debemos ademais salientar a proposta para a regulación dos ventres de alugueiro, a pesar da súa prohibición no estado español, e que nos converte ás mulleres e aos nosos dereitos reprodutivos en obxecto de consumo.
             
Dende Podemos Galicia queremos reafirmar o noso compromiso co movemento feminista sumándonos ao chamamento a participar na mobilización do 3 de marzo en Lugo e nas convocatorias locais do 8M, así como a secundar a folga feminista. Estamos convencidas de que unha vez máis o movemento feminista amosará de maneira rotunda que “se nós paramos, para o mundo”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies