Manifesto 17 de Maio

Manifesto 17 de Maio

Manifesto 17 de Maio

“Pido perdón aos nenos por ter adicado este libro a unha persoa maior (…) Teño unha terceira excusa: esta persoa maior vive en Francia, onde ten fame e frío. Ten verdadeira necesidade de consolo” (O Principiño. Galaxia 1972. Tradución CarlosCasares)

Hoxe é un día de celebración. 17 de Maio, día das nosas letras, día da nosa fala, a que nos define e identifica, queiran ou non, como nación. Elixiuse esta data cadrando co aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra emblemática da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro. Como universal é tamén O Principiño, a pequena novela de Antoine de Saint Exupery pola que Carlos Casares, autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, sentía adoración. Grazas ao seu talento literario e á súa teima polo recoñecemento do noso idioma, achegounos as ensinanzas do príncipe pequeno en galego.

Conseguiuno a base de reivindicar, nun contexto que non era doado nin para a fala, nin para a escrita e moito menos para a tradución; da que moitas veces nos esquecemos, malia a súa importancia. Visto con perspectiva,  calquera diría que aqueles tempos eran mellores ca estes para a loita ou para a receptividade da mesma. Porque hoxe a lingua “ten frío”, como “ten frío” a sanidade, o ensino público, os desempregados e desempregadas, a cultura do país… e, en definitiva, a meirande parte dos dereitos que constitúen o estado de benestar e que a sucesión de gobernos do “partido imputado” foi derrubando en tempo récord.

Dende Podemos sumámonos á celebración do 17 de Maio porque somos un partido que respecta e recoñece a Plurinacionalidade do Estado e cuxa prioridade é a xustiza social. Para nós, non hai dereitos de primeira e de segunda, por iso lamentamos que tal día coma o de hoxe teñamos que seguir saíndo á rúa a reivindicar o que debera ser non só un dereito consolidado senón un xeito natural e normal de vivir, vivir en galego.

O 1 de maio é o Día do Traballo, mais hai pouco que celebrar; o 8 de marzo é o Día da Muller, e tamén son máis os motivos de denuncia que os de alegría. O 17 de Maio, ben pensado, máis do mesmo; porque os autores que, ritualmente, as institucións políticas e o goberno nos convidan a coñecer, recoñecer ou reler, hoxe, se cadra, terían máis problemas para publicar que no seu tempo. Sería tamén moito menor o público, pois o último informe sobre usos da lingua galega na mocidade, presentado este mesmo ano por unha entidade como o Consello da Cultura Galega, pouco sospeitosa de ser crítica co poder estabelecido, advirte dun uso predominante do castelán no consumo cutural e mediático, ademais dun incremento dos comportamentos prexuízosos cara o noso idioma.

Vivimos tempos dunha crise que sabemos que realmente non foi tal, senón unha estafa. Unha coartada para destruír o noso estado de benestar e os cimentos da nosa democracia. Recortes económicos que realmente son ideoloxía, un xeito de facer política que non está deixando nada en pé e que pretenden asumamos como normalidade. Tentaron que interiorizaramos o mantra de que vivimos por riba das nosas posibilidades; como agora pretenden facernos crer o relato de que a crise rematou, que a corrupción son casos illados ou que o idioma símbolo de liberdade é o español porque o galego é unha imposición.

Ben sabemos que a realidade é moi diferente e dende Podemos seguimos e seguiremos traballando para tombar un estado das cousas no que están comodamente instalados uns poucos mentres que a maioría sofre “fame, frío e precisa de consolo”, como escribiu O Principiño e Carlos Casares fíxonos chegar.

Dende Podemos, tal día coma hoxe, reiteramos: A lingua é un dereito, non cremos que haxa dereitos de primeira e de segunda e, nesa medida, como todos merecen ser respectados por igual, todos serán sempre reivindicados por nós coa mesma contundencia mentres sexan cernados por quen nos goberna.

A situación do galego, como dixemos antes, non é allea á política do “partido imputado”. O galego é vitima tamén dese xeito de facer política caracterizado pola imposición, pola fraude, pola defensa do privado fronte ao público e pola corrupción, tanto na súa forma delitiva como “legalizada”.

Ou acaso non é corrupción lexislar en contra do idioma? Acaso non é corrupción non ser atendido ou incluso ser denunciado por empregar o galego? Acaso non é un xeito de corrupción subvencionar os medios de comunicación para silencialos, cometendo, ademais, fraude, porque, ao final, non cumpren coa porcentaxe de publicación en galego que deberan? Acaso non é corrupción que a Cidade da Cultura leve 1 de cada 3 euros do orzamento adicado á promoción de actividades culturais e adique o seu espazo a eventos, por exemplo, automobilísticos? Ou que dicir do enriquecemento de familias vencelladas ao ex conselleiro xa falecido Xosé Cuiña a costa dunha “Cidade sen cultura”?

Poderiamos seguir, pero creo que abonda para demostrar que “sobran os motivos” para falar e defender a nosa lingua. Unha defensa que é cousa de todas. É cousa da sociedade civil, a única que está a demostrar e nos dá pulo e lexitimidade, coa súa forza na rúa, para poder mudar as cousas nas institucións. Para poder conseguir ese cambio de réxime tan necesario, expulsar da poltrona o desgoberno da trama e abrir as fiestras de novo a este país de países rico, plural, activo, para que, por fin, oxixene e poida dar o mellor de si, en pé de igualdade, solidariamente, en galego, éuscaro, catalán e español.

Por iso, hoxe saímos á rúa, pero tamén o próximo sábado 20, en Madrid, na Porta do Sol. Porque a moción de censura contra Rajoy tamén é unha moción para Reclamar a Liberdade pró meu pobo, para a nosa lingua, como escribiu outro poeta, outro “loitador de soberanía e letras”.

(…) en cada petición en grupo

en cada contubernio de mans dadas

reclamo a liberdade pró meu pobo (…)

Por iso, hoxe e sempre, “Mil primaveras máis para o galego” porque… “En galego, estamos no mundo”

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies