Día Mundial da Biodiversidade

Día Mundial da Biodiversidade

Día Mundial da Biodiversidade

Imaxina un bosque cheo de aves cantando, un bosque san cheo de árbores e de centos de especies vexetais, un bosque con pequenas musarañas, preguiceiros réptiles nas rocas dos claros e ras croando nas súas charcas.

Imaxina un río de augas claras, cheo de minúsculos moradores de todas as clases e cores en miles de hábitats distintos, con troitas serpeando despreocupadas contra corrente ou deixándose levar, escapando das lontras, que divertidas xogan entre os chopos á media tarde.

Imaxina unha montaña, coas súas xestas e toxos cheos de coellos e orelludas lebres. E as aguias, azores e rateiros, alimentándose delas, para así criar os seus pitos un ano máis.

Imaxina unha ría limpa na que os arroaces se sintan cómodos nadando, onde os seus peixes se alimenten da vida que contén as súas augas e os seus mariscos crezan fortes.

Imaxina todo.

Agora imaxina un bosque morto, un bosque cultivado cheo de eucaliptos, entre os que non cabe máis vida. Un río negro, sen peixes nin lontras. Unha canteira no canto dunha montaña, sen coellos saltando, nin rapaces sobrevoando os afastados horizontes. Unha ría sumidoiro para as fábricas, un enorme váter para as cidades, un vertedoiro moderno da nosa civilización.

Este 22 de maio celébrase o día mundial da diversidade biolóxica e dedícase ao turismo sustentable. A biodiversidade non só ten un valor estético ou ético, nela están gardados os segredos das curas da ciencia futura e as solucións a moitos dos problemas que nos afectan. A biodiversidade non son só os animais, fungos ou plantas que vemos ou que se esconden ás nosas curiosas miradas, tamén son todas as relacións entre os seres vivos e entre eles e o medio no que viven.

Biodiversidade e turismo é un binomio moi difícil de xestionar. O actual modelo de recreo estival, baseado no desprazamento de decenas de miles de persoas que se concentran en pequenos núcleos de poboación, excedendo así a súa capacidade en servizos e, por suposto, a súa capacidade natural de lidar con todos os residuos e impactos que se xeran, é insustentable. Pensemos nos concellos que teñen unha poboación que no verán multiplica varias veces o seu número, e no impacto sobre o medio que isto supón. Este é o caso de Sanxenxo, localidade que multiplica varias veces o seu tamaño en tempada alta e que forma parte do Complexo Ons-O Grove.

A sobreexplotación da costa non só causa un impacto brutal sobre os ecosistemas lindeiros (e sobre os que non o son tanto), que son a base da nosa riqueza produtiva. Ademais esta sobreexplotación resta atractivo ás nosas praias, aos nosos pobos, minguando así a capacidade de atraer a novos turistas, co consecuente e nada desprezable risco de “morrer de éxito”. É pois preciso repensar o espazo litoral co obxectivo de preservar tanto para as xeracións presentes como futuras os valores ambientais dos ecosistemas litorais que son a base do turismo, do benestar e das poboacións cuxo sustento se basea nestes.

O activismo e a educación ambiental non pesan, así que é bo metelos sempre nas nosas maletas e mochilas cando imos de viaxe. No hotel, hostal ou cámping hai que tentar aforrar tamén auga. Hai que reciclar tamén cando estamos noutra cidade, outro pobo ou outro país. Non tires comida, non compres marcas que danan ás persoas ou ao medio ambiente. Faite aínda máis activista no verán!

Nós temos a opción de observar con curiosidade toda a beleza encerrada na natureza, toda a inmensidade natural que está ao noso alcance. Ademais, e por encima de todo, temos a obriga e a responsabilidade de respectala e preservala para que as nosas fillas e as nosas netas, e todas as xeracións que están por chegar poidan gozar como nós de todo ese esplendor.

Lembra, goza do teu medio e coida da natureza. Cando pasees polo bosque ou á beira dun serpeante río, cando nades na praia ou explores unha indómita montaña, deixa o teu medio como che gustaría atopalo. Reduce o teu impacto, e coida a túa contorna.

David Crespo. Colaborador da área de Medio Ambiente de Podemos Galicia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies