Día Mundial da Eficiencia Enerxética

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

Cada 5 de marzo, dende 1998, celébrase en todo o mundo o Día Mundial da Eficiencia Enerxética, co obxectivo de crear unha conciencia colectiva acerca de como utilizamos a enerxía. A eficiencia enerxética é un dos piares fundamentais para combater o cambio climático, xunto co desenvolvemento das enerxías renovables e un transporte sostible. Ademais é un elemento imprescindible da tan necesaria transición enerxética.

En concreto, o concepto de eficiencia enerxética refírese a obter os mesmos resultados utilizando menos recursos. Isto é, conseguir reducir o consumo enerxético a través da mellora dos procesos de produción de enerxía, coxeración, reciclaxe, uso de produtos menos contaminantes e consumo intelixente, é dicir, usando só a enerxía que realmente necesitamos e tentando que sexa xerada a partir de fontes renovables.

No tocante ás vivendas é importante acometer, na medida do posible, unha mellora das caraterísticas construtivas (mellores illamentos, acristalamentos..), elixir os sistemas de instalacións que mellor se adapten á nosa demanda (calefacción, auga quente..), substituír electrodomésticos por outros máis eficientes e/ou facer uso dun consumo máis responsable para poder afrontar unha redución do gasto enerxético. Segundo o Estudo da Eficiencia Enerxética do Fogar, poderiamos aforrar ata o 23,2% no consumo de enerxía das nosas casas, o equivalente a uns 5.500 millóns de euros. O máis alarmante é que só o 1% das vivendas en España ten unha puntuación A (a máis alta) no seu certificado de enerxía e ata o 42% das vivendas recentemente construídas presenta un certificado de categoría E ou inferior.

Isto é moi importante dado que unha vivenda cun certificado de categoría de eficiencia enerxética A xerará un aforro de ata o 90% da enerxía consumida comparado cunha catalogada cun nivel G.

molinos

Neste ámbito, Galicia ten o terceiro índice de eficiencia enerxética mais baixo do Estado.Segundo o X Índice de Eficiencia Enerxética, os galegos poderiamos aforrar 200 Euros de media no recibo enerxético só con cambios nos costumes relacionados co gasto de enerxía e coa mellora dalgúns electrodomésticos. Se todos os galegos lográsemos un aforro cercano ao 18% do noso consumo enerxético isto suporía unha redución de 2.891 gigawatts (GW) hora ao ano e a redución da factura global das familias galegas en 328 millóns de euros. Ademais, unha maior eficiencia permitiría evitar a emisión á atmosfera de 639.000 toneladas de dióxido de carbono.

Por outra banda, o consumo de enerxía no sector do transporte en Galicia supera considerablemente ao do residencial e ao dos servizos, acadando case o 40% da enerxía total consumida en Galicia. Urxe facer un cambio de paradigma no sector, facilitando o cambio cara os coches eléctricos, aumentando o transporte público e a rede ferroviaria, e fomentar o uso de bicicletas nas cidades.

Desenvolver novas fontes limpas ou adaptar ou traballar na mellora da eficiencia enerxética dos inmobles non son só imperativos vitais ou interesantes dende un enfoque xeopolítico senón unha importante vía de especialización enfocada á creación de empregos de calidade e alto valor engadido. Segundo a Organización Internacional do Traballo, un Plan de Eficiencia Enerxética sería unha importante fonte de emprego en canto a instalación e o mantemento de enerxías renovables e a rehabilitación de edificios, e contribuiría á creación de 100.000 postos de traballo permanentes en 2020.

cerilla

Sen embargo, os últimos gobernos levan un desenvolvemento lexislativo máis enfocado á “indolencia programada” como política enerxética. A Directiva Europea 2012/27 estableceu unha meta de aforro dun 20% do consumo de enerxía primaria para o ano 2020. España, tarde e mal, non traspuxo a Directiva ata 2016 baixo o Real Decreto 56/2016. Debido ao atraso, non vai acadar a meta de redución e abríuselle un proceso de posibles sancións por parte da Unión Europea.

Dende Podemos Galicia recomendamos adquirir conciencia do uso da enerxía no día a día. Muda o teu contrato eléctrico a unha cooperativa renovable que teña o factor de potencia (parte fixa da factura) máis reducido e permita o aforro na túa factura. Controla a temperatura da túa casa (cada grado centígrado aumenta un 8% a túa factura de calefacción), desprázate de modo máis sostible, usa o transporte público, fomenta as renovables e o autoconsumo, cambia as lámpadas da túa casa por LED, etc… Aporta o teu graniño de area, aumenta a túa consciencia enerxética e ambiental. Lémbrate, a enerxía máis eficiente é aquela que non se consume.

Área Enerxía de Podemos Galicia

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies