PABLO ECHENIQUE PRESENTA EN SANTIAGO A RUTA “ATARSE LOS CORDONES”

PABLO ECHENIQUE PRESENTA EN SANTIAGO A RUTA “ATARSE LOS CORDONES”

PABLO ECHENIQUE PRESENTA EN SANTIAGO A RUTA “ATARSE LOS CORDONES”

O pasado venres día nove, Podemos Galicia recibiu a visita do secretario de organización de Podemos, Pablo Echenique, que chegou a Santiago de Compostela para presentar ante as inscritas galegas a campaña “Atarse los Cordones”, preparatoria da próxima Asemblea Cidadá Vistalegre II, prevista para o mes de febreiro do vindeiro ano.

“Atarse los Cordones” é o nome elixido para esta campaña que busca “proporcionar aos círculos Podemos de todo o estado a oportunidade de debater, traballar e presentar propostas para o novo Podemos que constituiremos entre todas e todos na segunda Asemblea Cidadá Estatal”. Tamén se busca que as propostas que xurdan dos círculos poidan chegar a toda a organización dun xeito “homoxéneo, estruturado e intelixible”, que aproveite a diversidade de visións e as dote de “máxima aproveitabilidade” mediante unha estrutura formal común.

Salón de actos da Facultade de Dereito

Salón de actos da Facultade de Dereito

Previamente ó acto coas inscritas, Echenique mantivo un encontro co Consello Cidadán Galego para coñecer de primeira man a situación do partido en Galicia e tratar de dar resposta a algunhas das problemáticas expostas polos asistentes, principalmente en materia de funcionamento interno do órgano político e da executiva autonómica. O secretario de organización puxo enriba da mesa que moitas das cuestións presentadas atoparían resposta en Vistalegre II, polo que invitou a aportar a maior cantidade de propostas para seren debatidas e valoradas polas persoas inscritas.

Rematada esta xuntanza, que se estendeu algo máis de hora e media, deu comezo o propio encontro coas persoas que se achegaron ata Compostela. A ritmo de Bruce Springsteen, Echenique, a secretaria xeral de Galicia, Carmen Santos, e o homólogo galego de Echenique, Juan Merlo, accederon ó salón de actos onde agardaban máis de duascentas persoas. Tras unha pequena introdución a cargo de Mery Pérez, tomou a palabra o secretario de organización de Podemos Galicia, que abordou a utilidade da campaña “Atarse los Cordones” para dar resposta a aquelas cuestións que o trafego e as presas do longo período electoral foron relegando. Merlo tamén fixo un chamamento á proactividade das inscritas e inscritos, invitando á participación e incidindo na necesidade de maior coordinación entre a estrutura orgánica de Podemos e as persoas inscritas que están traballando a reo.

Foi entón a quenda da secretaria xeral, que agradeceu a colaboración e participación desinteresada de todas aquelas persoas que fan posible que Podemos Galicia avance pasiño a pasiño, incidindo en que ese traballo adoita non ser visible, malia ser imprescindible. Carmen Santos, antes de ceder a palabra ó secretario de organización estatal, insistiu en que Podemos é a xente que o conforma e que nada disto sería posible sen esa xente “que ás veces se desanima, pero sempre está aí, disposta a loitar por un país máis xusto e igualitario”.

Carmen Santos SX de Podemos Galicia

Carmen Santos SX de Podemos Galicia

Pablo Echenique centrou a súa intervención en contextualizar a campaña “Atarse los Cordones”, que definiu como o resultado dun “moi necesario” traballo previo de mapeo e avaliación dos círculos, que puxo de manifesto que estes viron reducido o seu número e tamaño, se ben mantiñan unha actividade consistente e máis ou menos continua. Para o secretario de organización estatal, esta nova etapa que se abrirá tras a Asemblea Cidadá do vindeiro ano haberá estar marcada por unha maior participación das bases, xa que, nas súas propias palabras, cre na “política plebea, porque cando se dá a palabra á xente sae maxia e boísimas ideas”. Logo desta pequena introdución, Echenique expuxo a metodoloxía e prazos para a achega das propostas, que no caso de Galicia poden facerse a través do espazo específico habilitado en https://galicia.podemos.info antes do 10 de xaneiro. Echenique fixo fincapé na invitación a que as achegas e propostas se fixeran enmarcadas nalgún dos diferentes bloques sobre organización, competencias, funcionamento ou “desborde” (extensión) dos círculos, así como nos bloques específicos sobre o lugar que corresponde a Podemos no espazo político, as confluencias e as súas relacións coa organización ou cuestións máis de fondo como a organización territorial ou a relación coa rúa e os movementos sociais. A guía para a elaboración e achega de propostas pode atoparse en https://files.podemos.info/guiacirculos.pdf .

Juan Merlo SOA de Podemos Galicia

Juan Merlo SOA de Podemos Galicia

Rematadas as intervencións dos poñentes, léronse algunhas propostas a modo de exemplo, todas elas autoría dalgunhas das persoas asistentes. A grande cantidade das mesmas non permitiu dar lectura a todas, xa que o acto levaba case media hora de retraso e faltaba unha das partes máis importantes do mesmo, tal foron as intervencións das participantes, onde novamente o tempo fixo que non todo o mundo que pedira a palabra puidera intervir, algo polo que a organización trasladou as súas desculpas no peche. Entre as ideas apuntadas polas persoas que tomaron a palabra falouse de mellorar a comunicación entre a executiva e as bases, algo ao que Echenique respondeu sinalando que en moitas ocasións os equipos de traballo que colaboran coas secretarías e áreas son moi pequenos e están completamente desbordados, algo que definiu como “moi frustrante, xa que moita xente non recibe resposta e iso leva a pensar que non se traballa ou que non hai interese”, algo que negou de plano, insistindo nunha abordaxe asertiva deste tipo de situación. Outras intervencións versaron sobre a necesidade de avanzar no proceso de feminización da política, momento no que Carmen Santos tomou a palabra para recoñecer o traballo do Círculo de Feminismos, de creación recente, así como outros que xa levan máis tempo en funcionamento como o de Diversidade Funcional de Galicia. Tamén se escoitaron algunhas voces críticas co espazo de En Marea, que expuxeron a súa preocupación polo futuro da organización. O secretario de organización estatal invitou á xente a traballar para fortalecer Podemos e negou que exista risco de que o partido a nivel galego se dilúa pola integración nese novo espazo político, que Echenique –que fixo parte da mesa negociadora o pasado agosto– definiu como “turbulenta”.

A presentadora, Mery Pérez, puxo o punto e final pedindo desculpas ás persoas que non puideron intervir e lembrando ás inscritas e inscritos que todas as propostas poden ser enviadas ata o día 10 de xaneiro a través do formulario habilitado na web do partido en Galicia, rematando o acto ó redor das 21.00 horas, hora tope para o peche do mesmo establecida polos horarios da facultade de dereito da USC, onde se celebrou o encontro. Podemos Galicia agradece a asistencia de todas as persoas que se achegaron ata Compostela para participar neste acto e a todas aquelas que porán a súa intelixencia e o seu tempo ó servizo da nova etapa que vivirá a organización a partir da próxima Asemblea Cidadá estatal, Vistalegre II.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies